28 mar. 2011

o páramo do espanto

http://dai.ly/fDeijS

o que ama arde e

a morte é só unha palabra

que queda atrás cando se ama

o que ama arde

e o que arde

voa á velocidade da luz

porque amar é ser o que se ama


26 mar. 2011

microsoño reinventado


Hai unha expectación semellante á dunha macromanifestación

Hai unha casa abandonada. Entras.

Dentro está escuro, en penumbra. Apenas entra luz polas contras entornadas.

Hai moitos cuartos coas portas pechadas. Po e abandono por todos lados.

Avanzas por un longo corredor tatuado de teas de araña.

Empezas a abrir portas que dan a ningures, quedas arrepiando.

Ábrese soa unha porta dun cuarto referenciado. Está moi escuro.
Acércaste á ventá, abres a contra.
Algo pendura do teito.
É un aforcado en erección.
Esquivas a súa ollada petrificada.

Saes horrorizada correndo.

Buscas rápido un dicionario de soños.
Procuras a palabra aforcado, non vén.
Probas entón coa palabra forca, tampouco.
Mudas de dicionario, colles un máis groso e ilustrado.
Por fin, aparece: Non se deixe levar pola depresión, é un profunfo furado.

Pechas o libro. Preparas un café ben quente.
Mellor esquecelo todo.
Na poza negra da taza oscila difuso o movemento dunha corda tensa en vertical.
Bebes todo ata o pouso.
O pouso queda sen tradución.
O aviso está formulado.
Que facer con semellante mandado?

Nada, seguir soñando.
Ata a próxima explosión de realidade sen marco.
Ata a seguinte deflagración.




22 mar. 2011

Fraseoloxía popular

O malo amalo


A aldea deus a dea


Amigo ambiguo vale por dous inimigos


A conciencia era verde e comeuna a vaca


Traballar para quecer é mellor morrer de frío


A mentira acostuma chegar lonxe pero sen esperanza de volver


ferruxe

16 mar. 2011

ROBÓTICA


DIlle UNhA POMbA RADIOACTIVA A UNA BALEA BOREAL

Son ro / bots
Colaborando NOS templos
DO consumo E DA
Desinformación
AvArias dos circuitos centraIs
Nas altísimas torres de
inComunicación

Son robots
fiLLos da bió........nica
Y dO televisor
De  ascensores
E  sofisticados sistemas de control
Da  retro&alimentación
De  Xeradores electr        ónicos de altísima pre  cisión

PóLoS ATÓMICoS
PiLaS NUCLEARES
DÍAS DIÁFANOS
NAUFRAGADOS
SeN REFUxIO
EN NINGures

7 mar. 2011

ANTÍDOTO & ESCADA

georgia o'keefe
pensamento




Dunha interrogación e dun punto en suspensión, non nace neno ningún, nace unha dúbida.

Dunha autoinmolación sae un automutilado ou un difunto adorado.

Dunha boa pregunta xusto é que saia unha boa resposta.

Dun home sen obxectivos nace un meniño perdido.

Dunha muller que se prece e dun home en amor nado nace un neno namorado.

Dunha culler de aceiro e de azucre derretido nace unha colisión de partículas.

Dunha manía paranoica nace unha flor estoica.

Dun caderno moi atrevido nace un avión de sonido.

Dun crucigrama nace unha cama.

Dunha neveira non nace neve verdadeira.

Dunha bombona nace unha sopa bomba.

Dunha fogueira pode nacer un asado.

Dunha verdura nace un año.

Dunha botella de tinto nace un epitafio.

Dunha vontade nace un imperio.

Dun idioma nace unha coma en coma.

Dunha illa nace unha quilla.

Dunha peneira nace unha eira.

Dun eirado nace un tellado.

Dunha tella nace unha parella.

Dun pareado nace un comando.

Dun comandante nace un elefante.

Dun elefante nace unha árbore.

Dun sombreiro nace outro elefante.

Dunha árbore nace unha mazá.

Dunha saborosa mazá nace o coñecemento.

Dun coñecemento nace unha chave.

Dunha chave nace unha fuxida.

Dunha fuxida nace unha liberación.

Dunha liberación nace un milagro.

Dun milagro nace unha nación.

Dunha nación nace un neno.

Dun neno nace Terra en transformación.

Dunha canción nace un sentido.

Dun sentido nace a comprobación.

Dunha proba nace unha descoberta.

Dunha descoberta nace unha porta aberta.

Dunha porta aberta pode nacer unha abominación ou

UNHA EXPANSIÓN

Dunha expansión nace un novo plano.

Dun novo plano nace outra perspectiva.

Dunha nova perspectiva nace unha apertura.

Dunha apertura nace un crecemento.

Dun crecemento vén un novo nacemento.

Un nacementoé unha nación.

Unha nación é un navío
e todo o Océano é unha vela.

Dunha navegación nace unha necesidade
que tende a ser cumprida.

Dun cumprimento nace unha carta mariña.

Dunha carta mariña non nace nada alén dunha orientación.

Dunha orientación nace unha estrela apagada.

Dunha estrela apagada nace unha constelación extinta.

Dunha constelación extinta nace unha constatación.

Dunha constatación nace unha certeza dubidosa.

Dunha certeza dubidosa nace unha posibilidade entre un millón.

Dunha posibilidade entre un millón nace un cravo ardente.

Dun cravo ardente nace unha ferida.

Dunha ferida nace unha dor.

Dunha dor nace unha cura.

Dunha cura nace unha cicatriz.

Dunha cicatriz nace un dicionario.

Dun dicionario nace unha explosión.

Dunha explosión nace unha desintegración.

Dunha desintegración non se pode agardar nada alén dunha nova configuración.

Dunha nova configuración nace unha ecuación.

Dunha ecuación nace un fento feito.

Dun feito fento nace máis vexetación.

Da vexetación en descomposición nace humus e lentor.

Do lentor nace a vida.

Da vida nace amor.




4 mar. 2011

MEDITACIÓN PERIPATÉTICA

Quen fai un cesto, fai un cento

realizar = facer real


TUBOS DE REALIDADE

Semella que para configurar a realidade cada persoa ten ao seu dispór un feixe de tubos que se interconectan entre eles e que permiten a interconexión con outros feixes de tubos de realidade, que acostumamos chamar os-as outros-as.

TUBO MATERIAL configurado polo corpo, a casa, a rúa, o barrio,a fábrica, a escola, o súper, a cidade, a abominación, nº de teléfono, enderezo, nº da SS, nº do DNI, feridas, marcas, cicatrices, moitos papeis que falan de nós como se nunca ninguén nos puxese un nome, fotografías, pinceis, marcos, espellos, corredores, portas, límites, fronteiras......menos mal que só é un dos múltiples tubos. Se estivesemos limitados a este único tubo a existencia sería unha condena e a morte unha liberación provocadora. Estariamos permanentemente tentados.

TUBO MENTAL: abastecido polos tubos sensoriais da percepción inmediata, tamén pola memoria inmediata e remota de experiencias anteriores. Os campos da percepción e da memoria aparecen cheos de minas ( antipersoa e propersoa ) que poden facer estoupar o noso cerebro en calquera momento. Hai que evitar como sexa as explosións masivas, non o soportariamos. Hai que trazar sendas mentais minimamente seguras. De nada serven os mapas; a realidade é unha mutación constante, non hai mapas mutantes, polo tanto non son infalibles, coma nós en conxunto.

TUBO PSÍQUICO: se o tubo mental está cheo de minas, o tubo psíquico é un auténtico campo de probas. Cantos experimentos non nos estoupan nas mans? Hai que protexerse antes de probar, asegurar ben a fortaleza dos sistemas inmunitarios. A alma ten que ser adestrada e robustecida para poder lanzarnos a experimentar e saír indemnes.

TUBO EMOCIONAL, está constituído por unha rede de tubiños que capturan os movementos inminentes a realizar guiados polo desexo, verdadeiro motor da vida. Se conseguimos sintonizar os tubiños emocionais co tubo mental dámos lugar aos sentimentos, que basicamente son: o amor e o seus contrarios. Emocionalmente estamos preparados para asumilo, o amor, o amor total. O que historicamente se vén chamando miseria é carencia de amor; canto menos amor, máis miseria.Cando a carencia de amor se proxecta cara un mesmo, é imposible amar nada nin ninguén. Todo afecto, toda entrega, toda conquista, toda restauración, toda alegría ten que empezar por un mesmo. Do que tes, podes dar. Do que careces, nada podes entregar. E o amor aliméntase da entrega. Da beleza que se entrega. Esta é a enerxía que move o mundo. Calquera outra doazón só serve para alimentar a miseria. E todos sabemos que a miseria en masa só dá de comer ao odio, que é a outra cara do amor, a cara ausente da vida.

TUBO ESPIRITUAL: esa chamada que se sente cando un nace. Esa vontade innata de superación. Esa fame de ascensión e de acadar altura. Esa gana de medrar, medrar, medrar canto máis mellor, cara arriba, cara abaixo, cara o leste, cara o oeste, expandirse en todas as direccións. Extraer da rede de autoestradas dos nosos tubos de realidade unha conciencia sen límite que non para a súa expansión nin sequera tocando o céo.

Agora ben, pode unha persoa soa, illada en si mesma, desconectada dos demais, levar a cabo expansión algunha? Non. O isolamento só pode producir contracción, tendencia á aniquilación, depresión, inseguridade, medo, desesperación.

Debo comunicar a alguén o que sucede no meu túnel de realidade para constatar que está sucedendo. Todo o que non podo comunicar me devora, está morto, inmóbil, e por tanto non sucede, non é real.

Entón, cal é a clave? A clave é os-as outros-as.

Como dar co outro? depende do tubo de realidade que poidas ou queiras ou te permitas aplicar.

NO TUBO MATERIAL: darás cos que te rodean na máis estreita cercanía e de forma inmediata. Resulta curioso que neste, pr chamarlle dalgunha maneira, plano, é complicado e difícil dar cos outros; establecer conexións que permitan o crecemento mútuo. Todos vivimos pendentes de máis de nós mesmos e tendemos a ignorar aquelas persoas que podemos e nos poden tocar, non vaia ser que nos peguen...algo estraño. Sen embargo, necesitamos poderosamente sempre alguén a quen poder abrazar para abrazarnos a nós mesmos e recoñecer a nosa humanidade. Do mesmo xeito que cando ollamos, sempre ollamos algo e non os propios ollos. Ser humano é dar a man para non ser fume que se disipa inútil no ar.

NO TUBO MENTAL: é lóxico pensar que darás con todos aqueles que te atraen mentalmente, como un imán atrae determinado metal. Estas conexións poden estar desligadas do plano material inmediato, pero alimentan de por vida. Por exemplo, darás con libros que promoverán un movemento sísmico de tal envergadura na túa mente que acabarás por chorar. Este é un bo sinal. Canta máis conmoción, canta máis emoción, máis movemento. Se consegues aliñar esta descarga emocional co teu intelecto nacerá unha nova fonte de enerxía, unha nova fonte de beleza e de amor. É un amor sen rastro material, non se pode traizoar porque non ten lugar físico para ser apuñalado, nin sangue que poida brotar. Está exento de compromiso.

NO TUBO PSÍQUICO: demostradas as afinidades e repelencias dos campos magnéticos, semella que psíquicamente andamos sempre á procura do contrario, do complementario, para nos equilibrar. A atracción e a repelencia psíquica é unha consecuencia da afinidade mental. Son contrarios ou complementarios aqueles elementos que teñen unha carga significativa común. Dime como pensas, como o dis, o que dis e o que non dis e direiche o grao de afinidade ou repelencia que teño contigo. Sempre hai afinidades posibles porque todos estamos feitos da mesma pasta humana, e toda persoa, sexa de onde sexa e fale a lingua que fale, é suceptible de ser sintonizada pot ti ou de sintonizar contigo mental e psiquicamente.

NO TUBO EMOCIONAL darás con persoas coas que sentes ligazóns fóra de todo control mental. Aquí funciona o instinto innato de procurar ámbitos que nos posibiliten a curación das profundas feridas infrinxidas na infancia. Nunca haberá suficientes tiritas para taponalas. Algunhas levan sangrando toda a vida, outras cicatrizan e quedan aí trazando un mapa intransferible. Ás veces o instinto falla e o que coidabamos terapéutico pode ter efectos secundarios tan devastadores que as lesións poden minarnos o resto da vida. As conexións emocionais cos outros están cheas de trampas, de nós, de subornos, de presións. Hai que aliñar correctamente as emocións co intelecto para que nazan sentimentos fructíferos que poidan chegar a transformarse en paixóns. Cando o mundo se rexa polo goberno da paixóns asumidas como un destino, as transformacións no plano material serán tan profundas que os seres humanos de hoxe seremos contemplados como auténticos bonecos de cartón. 

NO TUBO ESPIRITUAL os encontros parece como se estivesen xa todos pactados de antemán. A enerxía busca transformarse en enerxía; toda eiva, toda perda, toda mutilación queda descartada. O perdón a un mesmo vólvese  perdón universal. O amor a un mesmo vólvese amor por todo, amor total.

EPÍLOGO: con tanto tubo, con tanto túnel, o lóxico sería poñernos en contacto inmediatamente cun fontaneiro eficiente que poida desfacer calquera posible colapso, calquera posible atasco residual. Pero xa se sabe o que sucede cos fontaneiros a domicilio, son caros e fanse de rogar; dinche vou tal día e nunca sabes cando aparecerán. Por desgraza non hai plantilla de fontaneiros na seguridade social. Así que, un curso intensivo de fontanería de ciclo medio podería ser de gran utilidade para a desatrancar a rede viaria de tubos de realidade que acabamos de destripar. Ou canto menos, empezar a practicar fontanería preventiva.


1 mar. 2011

RUÍNAS


Narración caótica desenfocada nunha vella casa croatanesa

un día chegaron uns pirados

levaba abandonada moito tempo.
abría a vella luísa polas mañás para darlle de comer aos porcos,
as galiñas tíñaas embaixo, na casa nova.
ela chorou escuro pranto, pranto profundo cando mudaron á casa nova preto da estrada, en plena recta de Pedrafigueira ao Viso
el botara en américa unha chea de anos, en cuba se cadra, tanto tiña, el non estaba.
quedou ela soa, aquí, nun mero adverbio, botándolle comida aos porcos e ás galiñas,
tanto as quería que as tiña debaixo da escaleira que daba aos cuartos
comía a base de peixe e patacas para non comelas a elas, para non  devorar todos xuntiños os seus oviños.
Había quen chamaba a iso miseria, ela chamáballe respecto,
para o seu ver,
por todo canto hai vivo,
sobre todo polos animaliños cos que compartimos
espacio máxico,
sartaña cósmica,
cuncha nácara esluída.
A nosa única compaña en meses, anos

Ai! o verán…
sempre foi de gloria en Croatán.
menceres pálidos, húmidos, quentes.

os pirados fliparon; ela, a pirada, máis que ningún.
era quen de poñerse a discutir coas silveiras como se fosen un ordenador, pero
non era quen de mediar palabra de xeito con ninguén.
asi fasía ela,
coma os tolos-
deus a traia e a leve sen mal ningún por esas estradas do demo-
había moito máis que palabras.
as palabras, se acaso, paresían ser o menos importante.

iso foi o mellor de todo.

Os da aldea fliparon cos pirados
Por que?


Era unha tarde gris tétrica
Her man ataviado de madelman
Unha trade eléctrica nunha man enluvada,
Collida como se fose unha pistola,
Unha llana na outra man tamén enluvada
Fasendo de escudo,
Ámbalas luvas de currante,
Sombreiro de vaqueiro de pel natural,
Gafas anti po,
Mascariña,
Espido de sintura para arriba,
Pantalóns porcallentos,
Botas de auga ata os xeonllos,
Escorrentando a banda de nenos que andan ao axexo,
Por entre as carretillas, o cemento, os tixolos, a area ghorda e fina,
Porriba do ghasto
Fuxindo pola diaghonal do camiño
berrando
A risa dela louca louca louca

E tamén Camarón
E a xitanada
E o lume aceso, a principios de verán
E as incursións no territorio
e o mar
tan perto
azul oceánica
e as dunas
brancas e amarelas pálidas
e as ondas, de ambulante feira
cósmica
e o canto do faro
a muxir
nas noites de neboeiro
e o vento
tolo, tolo, tolo a rir




a pirada descubriu cada un dos meus recunhos,
pintounos e  preparounos para o futuro e cando chegou
o futuro foi
o silencio,
o bris,
o paporroibo,
as cabrifollas berrando en arrecendos
ti chamando en verde rechamante,
ti agardando paciente o paso das estacións,
ti concluíndo, espidos, o que sempre soñaches,
de nada serve soñar en certidumes,
por algo eras a pirada.


cando chegaron os pirados, caeron de cú,
pero non recuaron.
todo en precario e a base de puro traballo.
deus os preserve a todos do diaño que levan dentro.

a primeira vez que ela andou cerca
veu co seu amante,
perdidos de wek end, pararon no muíño,
andaron a  canle de pedra verde comesta de silveiras e de edra
ela soñou que soñara

bailaba convulsa
nunha casa vella que lucía  ámbar
e un deus  ollaba compracido

nun campo en coímbra,
ao raso,
anónima,
ela soñara
e unha vez que veu ao que viu
pareceulle natural, necesario, imprescindible volver
aínda que só fose para
marchar de seguido.

dende que viñeron os pirados por 1ª vez
seguín soa pero doutra maneira,
soa pero non abandonada.
os outros pronto deixaron de vir,
desapareceron,
oín disir que alghúns xa morreron
o neno da Luísa tamén, e non vello
só queda ela por vir.
Ela e o seu meniño:
Ola…..casa…..tamos aquí…..
Escoita o cantar do vento…fiuuu…
Escoita o faro de Fisterra muhhhhh………




ela vén e todo treme,
a música flúe, compasiva
ou bate nos muros abrasiva
a selva desátase en bruídos,
o silencio é sonoro,
vístese de paxaros
de pingas
de chorros
o auditorio está listo,
os ecos son os exactos,
os días no verán son longos, longos, longos e esgotadores
a vida é curta se a comparamos co verán,
compracente e cheo de sol e de faena festeira

ela vén por Croatán dende aquel verán.
ela pasa o inverno no inferniño , que está máis quentiño.

o que conta é vir, non ir.

o mellor da vidiña aquí.

todo en precario, che

e ti tamén.