30 abr 2011

humano, basta xa



Humano. The Game

O guión de Humano . The game // Humano, o Xogo. Acabouse de crear a semana do 20 de Maio do 2009.
Así comeza: En cautividade durante nove meses, decoñecendo os eventos que te deparará o destino. Aínda ousas  enfrontarte á hostilidade do mundo exterior?. Non estás preparado.


Viñeron ao noso barrio representar a obra no centro cívico. A sala estaba practicamente baleira. A maior parte do público eran xubilados. O menos indicado.
É un tipo de teatro de combate con poucos medios técnicos, pero moi ben utilizados, contra a explotación do ser humano nos duros termos en que hoxe se expresa. A posta en escena é dura e non promove precisamenta a hilaridade. A linguaxe procaz e obscena escandalizou as vellas, algunhas marcharon antes de que acabase a representación alegando que non aguantabas das pernas. (Non debían contar con isto os organizadores?)
A min deume a vida quedar ata a final, que é na única parte da obra onde se vislumbra a saída a tanto horror programado. O humano decide desconectarse e empezar a vivir (como as vellas)
De todas as escenas executadas no escenario hai unha maxistral que eu titularía a negra soidade dos cables. Os actores enuncian en alto os típicos diálogos, monólogos exteriores, dos chats de internet. O resultado é delirante. Hai un personaxe (anónimo con perfil manipulado) que o único discurso que ten é: "alguén quere follar?, alguén quere sexo tántrico telefónico?" é patético.
Menos mal que quedei ata a final


27 abr 2011

NON SE PREOCUPE, AMIGO


                                                                   non se preocupe, amigo, nunca nada se perde
cando se sinta mellor opinará doutra maneira
                                                                   veña, acérquese, que lle quero meter un peixiño babel por un oído
para que de agora en diante non volva ter problemas coas traducións
ao principio fará uns ruidiños raros
glub-blip-bis-glu-gli
pero en canto se acostume
aos seus estraños fluídos
empezará a funcionar correctamente
e deixará vostede de ter dificultades para entedelo todo

iso fará que nunca máis teña medo
se vostede quere, pode practicar coa miña poesía
ou con calquera que a vostede lle pareza

tamén son moi útiles as conversas cos estranxeiros
o xusto para que o peixe babel colla carreiriña
que despois xa el se encarga de que vostede entenda todo
de todas as maneiras posibles

agarde, que aínda non rematei,
onde vai con tanta présa?

preocúpame sobremaneira esa obsesión teimuda
que vostede ten polo maligno
que sempre lle anda ao axexo

mire, un consello de vella,
o mellor que pode facer con el
é mandalo ao carallo pola vía rápida
antes de que se lle pase o arroz

ui! voume, que a min xa se me pasou!


hanuman non ten problemas


12 abr 2011

o meu interior é o meu exterior e viceversa





NON ME MANDES FLORES

Non me mandes flores efémeras
mándame unha flor eterna
mellor roubada

pero, se non te atreves
convéncea para que vaia contigo
para mandarma



11 abr 2011

O BOLSO E MÁIS EU

O meu bolso é un caos. 
Para atopar algo teño que remexer e darlle voltas a todo como unha amasadora industrial.
Hai días que lle prometín unha reformulación integral. Pero nada.
Agora está aberto enriba da mesa a punto de desbordarse.
Olla para min coa súa boca aberta, rancorosamente, ensinando os dentes e declarándome culpable.
Eu paso del.
Por pámpano.
Por repipio, repunante e presumido.
Pécholle a boca cun xesto rápido e automático.
Unha pasada de cremalleira
E a mamar!