30 may. 2012

Euskadi fóra de Estado

astronomía variable



calibrado o ángulo de posición
a anos luz das estrela binarias
coa catenaria en proceso de tensión
reconvertidas as paralaxes 
da miña invención
fago elípticas coa ollada
en órbita sobre a superficie
regrada da devastación
reaxusto a pracer
orto e ocaso 
do vindeiro sol
poño na balanza 
os parsec de distancia
que quedan entre nós
e a próxima explosión
quedo coas magnitudes aparentes
dos grafos desta ilusión
na espiral de distancia angular paraboloide
que fan os electróns
describo clotoides para trens
a control remoto
que andan día e noite
na banda de Moebius
da miña emoción
ese astro variable
con magnitude aparente medible
en ciclóns improvisados
 na estrutura interna
do meu metonímico
corazón








19 may. 2012

sepulcros brancos pechados a cal e canto / prohibido o paso




Rexistran os nosos radares 
voos de gaivotas pairando
no vento que asubían
as follas dos calendarios
caendo
en picado
coma se fosen de chumbo
sobre os nichos niquelados
de cemento armado

O cemiterio ten un aquel estraño:
canta menos presencia da vida
con máis intensidade brillan 
os seus fogos fatuos
nun proceso de conxelación
instantánea
que tende morbosamente
a dilatarse

A bandada de aves urbanícolas
marcha intimidada
pola friaxe esgazante dos semáforos
sen largar un chío
cara a podredume exenta de impostos
dos peiraos 
de tráfico internacional 
de mercadorías.







"sepulcros brancos" expresión oída en radio3, radio nacional de madrí, para referirse a actividade poética de non sei quen en voz dunha oínte que prestou a súa desinteresada colaboración opinadora. Que mona!