30 abr. 2013

inciso palindrotrónico



Se atendemos ao que tradicionalmente se vén considerando un palíndromo, temos que facer unha serie de obxeccións moi serias que afectan á existencia ou non dun bo puñado de palíndromos que agardan desesperados na máis pura inopia. Procedamos:

Tradicionalmente vénse considerando palíndromo toda aquela palabra, frase ou expresión dun pensamento completo que permanecen intactas lidas ou ditas de dereita para esquerda ou de atrás para diante sen perder a súa exacta configuración ortográfica, fonética, morfolóxica, sintáctica ou semántica, que é o mesmo que dicir, en todos os planos pensables da linguaxe.

Moi ben, supoño que é imposible dar conta de máis en menos tempo. Pero tampouco hai que fiarse. Non cremos que sexa para tanto. Por exemplo: por que o factor ortográfico é tan importante? Por que non podemos considerar que o mero plano fonético outorga a unha palabra, frase ou expresión o carnet de palíndromo; por que hai que pasar pola quilla da ortografía tendo como temos un sistema representativo do idioma con grafías inútiles? Refírome naturalmente ao uve e ao ache, ao u de gu, ao dobrete ce,ci, za, zo, zu, á ausencia da grafía k, que tan alto soa cando falamos. Cantas palabras hai que difiren ortograficamente pero soan exactamente igual? Palabriñas tan ricamente palindrómicas cando son enunciadas que perden ese estatus ao seren pasadas ao papel-pantalla?

Ficaremos á espreita de cogomelos e de mapoulas furtivas ata que apareza algo parecido a unha resposta e, por suposto, un bo exemplo.







25 abr. 2013

palindronario6




PALINDRIDADE: Irmandade espontánea e incondicional que xorde entre os amantes palindromínidos dende a máis remota antigüidade ata os nosos días sen que as leis que marcan o paso da istoria poidan facer nada por evitala



PALINDRABLE: Todo pensamento, palabra, espresión ou acción humanas suceptibles de se converteren en palíndromos de xeometría diviña



PALINDRAMÁTICA: A matemática infalible do palíndromo, a súa simetría insubornable, a súa independencia do sentido domado pola gramática do tedio.



PALINDRÁTICO: Podería ser unha versión actualizada da torre de marfil en que murchan e esmorecen os as poetas decadentes que viven alleos ao medio, pero non. Preferimos que sexa un adxectivo só aplicable ao pensamento triunfalmente errático en que cómpre embarcarse para a búsqueda e captura de palíndromos nos mapas imaxinarios da linguaxe.



PALINDRÓTICO: Estado en que quedas despois dun mergullo errático. Xa sabemos que toda actividade física ou mental, toda experiencia sicotécnica, levan consigo unha chea de efectos secundarios que poden afectar de maneira máis ou menos grave o núcleo de calquera sistema operativo, e a palindrose non é unha patoloxía a destimar. Así que será mellor aproveitar as rachas favorables e despois curarse en saúde como ben se poida.



PALINDROPETO: Porquiño de barro mental onde algúns agochan os seus achados palindrónicos para que ninguén llelos vexa. Os moi incautos ignoran que eles non inventaron nada e que outros virán e acharán o mesmo ca eles e non dubidarán e facer pintadiñas sicodélicopalíndricas nos muros da granxa.



PALINDROPOPEIA: Narración grandilocuente en verso extenuante desa gran aventura que é o mergullo palíndrico.



PALINDROSECTA: Grupúsculo pechado a toda influencia externa que pretende poñer orde no aparente caos palíndrico. Por exemplo alfabética ( que máis dará), cronolóxica ( acaso ignoran que a verdade palíndrica é atemporal?), por autores ( que como xa demostramos, non existen), por idiomas (que inutilidade, non cabe a tradución), por temas ( en realidade o palíndromo é o método que ten a linguaxe para falar de si mesma) etz



PALINDROSETA: Palíndromo grafiado á maneira dun champiñón, cogordo ou mesmo dun silocibes. Do tipo: a seta tesa.





pictograma palábrico
(nada que ver cun palíndromo)







22 abr. 2013

palindronario5



PALÍNCROMO: de, sobre, e, con cores.


PALINDROLOGRO: Naturalmente, logro palíndrico.


PALINDOLAGRO: raro, que brilla con luz propia pola súa sinxeleza, transparencia e verdade. Do tipo: oovoeovoo


XENTIL PALINDROLICIO:
galopalíndromo
italopalíndromo
anglopalíndromo
castelopalíndromo
catalopalíndromo
galaicopalíndromo
galaxiopalindromilítico
lusopalíndromo
nipopalíndromo
chilipalíndromo
usapalíndromo inglis because



PALINDROASISTENCIA: Asistencia remota que pode chegar a través dun palíndrico para ller dar sentido esporádico a un absurdo


PALINDROEXISTENCIA: Existencia incuestionable e indesmontable dun palíndromo


PALINDROCIDIO: Intento inútil de desmantelar un palíndromo unha vez que foi achado. Do cal se deduce que todo palíndromo é unha revelación en rebelión contra a lóxica imperante dos hipermercados.


ANUNCIOLÍNDROMO: banda linguística dunha montaxe publicitaria que aínda ningún publicista explorou. Se cadra, porque o deterxente non é palindrable


PALINDRÓLOGO: Repara avarías palíndricas, pobriño.



20 abr. 2013

palindronario4



PALINDROTECA: O mesto bosque de palíndromos coñecidos e aínda por coñecer, sexa cal for o soporte, do mundo mundial na palindrópole.


PALINBRARÁBILE: Esa posiblidade marabillosa de que tamén poida que haxa palíndromos en árabe!


PALEOPALÍNDROMO: Tan remoto como as cavernas-


PALINDROMUSEO. O lugar onde nunca verás pendurado un palíndromo que se preze.


PALINDROSINCRACIA: Capacidade innata que teñen algúns idiomas para facer visibles palíndromos sen volvela a unha idiota.


PALINDRICIA: A alegría de dar cun bo palíndromo ao día.


PALINDRIARIO: Rexistro de palíndromos por singraduras


PALINDRUSIÓN: Ilusión palindróptica pola cal vas moi contenta escribir algo que coidabas un palíndromo e non é-


PALINDRUSISMO: Incursións altruísta e ultraísta  de auténticos inexpertos no mundo descoñecido dos palíndromos.


PALINDRIMAXE: minipoema visual baseado nas letras dun palíndromo.










17 abr. 2013

palindronario3



PALINDROSISTENCIA: resistencia e fortaleza do idioma á hora de facer visibles as súas creacións palíndricas


PALINDROSECTOMÍA: interrupción abrupta dun palíndromo por causas de forza maior


HORA PALÍNDRICA: a mellor hora do día


PALINDROTERAPIA: curación en saúde con tiritas palindrómicas de sentido sesgado e cómico


PALINDROPOEMA: peixe de altura. Poema feito con versos palindrómicos. O máis semellante que hai a un palindrolito.


PALINDROXEMA: Non, non se trata das parte do dedo imprescindibles para grafiar e ratificar un palíndromo. Trátase dunha xema palíndrica, de escaso valor na bolsa de valores pero moi aprezado polos coleccionistas de milagros gratuítos que non cotizan facenda. O seu valor é inmaterial e, polo tanto, inconmensurable.


PALINDROMOTORMENTA: Precipitación descontrolada con desbordamentos de palíndromos xeniais.


PALINDROSE: sicose adquirida e alimentada de frustración dos que nunca deron por si mesmos coa sombra benéfica dun palíndromiño, estando como están en calquera lado e facéndose, como se fan, visibles a calquera hora.


PALINDRERÍA: Palabrería inútil na que, por máis que te mates, non vas atopar nin o máis mínimo rastro dunha sombra palíndrica..











14 abr. 2013

palindronario2





PALINDROCHOCO: Palíndromo cheo de borra coma os cefalópodos, do tipo ochocococho


POLIPALÍNDROMO: correctamente interpretado, xa o di o prefixo. É un tipo de palíndromo que comporta múltiples significados sen importar que estes cheguen a contradicirse entre eles. Simbolizan no seu esplendor a capacidade innata que temos os seres vivos para convivir sen matarnos. 


EXOPALÍNDROMO: Palíndromo chegado do expacio exterior por despiste no galiñeiro galáctico unha noite de lúa chea, do tipo: aluaaula


ENDOPALINDROANOMALÍA: Dificultade peliaguda que a maioría dos palíndromos presentan para ser trasbasados de idioma ou a inutilidade absoluta de calquera posible tradución. Esta cualidade palindrómica afecta a súa independencia e insubornabilidade. Obríganos ao poliglotismo eventual se queremos menú palindrótico total ou parcial.


PALINDROLATRÍA: Adoración silenciosa, clandestina e ilegal polo devir palindrítmico.


PALINDROPATÍA: Obsesión enfermiza por fabricar palíndromos, estando como están xa todos inventados polo idioma. É importante lembrar que o palíndromo non se crea, dáse con el.


PALINDROFAXIA: Costume literario adquirido segundo o cal o lector compulsivo só disfruta engulindo palíndromos.


PALINDROLISE: Non é unha parálise palindrómica, non. Nese caso sería unha palindrálise, que trataremos máis adiante. A palindrolise é a descomposición dun palíndromo nas súas santas partes, propiciando que os elementos máis pesados vaian ao fondo da cuestión que sexa, quedando o resto purificado na máis absoluta levidade.


APOTEOSE PALÍNDRICA: A festa rachada que se monta cando se encontran casualmente nun mesmo lugar un ou máis palindromaníacos.



ociberrebico











13 abr. 2013

PALINDRONARIO 1



PALINDRONARIO: Breve dicionario de palíndromos, dados sen máis orde que a marcada polo azar do achado.


PALINDRÓPOLE: Gran megalópole dos palíndromos coñecidos e aínda por coñecer de todo o mundo mundial.


PALINDROSOFÍA: Coñecemento baseado na verdade irrefutable do encontro palindrómico.


PALINDROFOBIA: Aversión innata ou adquirida ao pensamento palíndrico.


PALINDROFILIA: Afección desmedida e sen control ao pensamento palíndrico.


PALINDROLÍO: Confusión mental orixinada pola procura teimuda e carente de método de palíndromos autóctonos aínda descoñecidos.


PALINDROCOLONIA: Territorio mental dos mergulladores da linguaxe obsesionados pola captura de palíndromos de gran tamaño.


PALINDROMIÑO: Palíndromo moi moi prqueniño de 2 ou 3 letras, tipo SOS


PALINDRAXE: Rede de palíndromos enriquecidos con uranio mental  que cuestionan toda autoridade civil, militar, eclesiástica, emotiva ou intelectual.

(se nos deixan, seguirá)










6 abr. 2013

bilinghuismo ibérico








polo día, casteñol
e
pola noite, espallano


(recebo a base de landras)

(sacrificio aséptico no matadeiro de idiomas)