6 sept 2011

miraquemono!


Cando era pequeniña, analfabeta e felizmente indocumentada, pensaba que había palabriñas bonitas e palabronas feas, palabras con pichos e palabras peludas que me poñían os peliños de punta. 

Pero medrei, non moito, e tiven que ingresar na escola para aprender a ler e escribir e moitas outras cousas obtusas. Non contenta con iso, seguín os meus estudos a trancas e barrancas porque non acababan de interesarme como é debido, como a min me gusta que me interesen as cousas que por unha razón ou outra fago.

E fixen o bacharelato por letras, copiando coma unha anana e improvisando como unha auténtica as do jazz. E debinlle coller o tranganillo porque non parei con esa macana  ata que conseguín lincenciarme en filoloxía hispánica, rama galego-portugués. Eu realmente o que quería era ser artista e pensaba que para iso había que estudar Belas Artes, pero en Galiza non había; había que ir a Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla. E as miñas posibilidades económicas facían de todos eles destinos remotos. Así é que me adecuei ao que aquí había.

Academica e intelectualmente a univerdade foi unha das experiencias máis frustrantes que lle poden pasar a unha persoa intelixente e sensible coma min. Menos mal que algo pola miña conta lin e facendo resumos e esquemas adecuados á miña obtusa personalidade, puiden entender nocións básicas sobre o máis marabilloso invento comunal do ser humano: a linguaxe. Pois ben, ata tal punto me sumerxín nas engrenaxes que moven a actividade lingüística , que se tivese que prepararme de novo nalgunha disciplina universitaria, non dubidaría en facelo  pola banda da Lingüística, porque como ben me ensinaron os anos, quen entende de linguaxe ten as ferramentas adecuadas para poder entender todo o que dela se deriva.

Cando me quixen dar conta, decateime que sen saber como nin cando exactamente as palabras perderan para min os marabillosos atributos que lles concedera na máis tenra infancia e xa non eran bonitas, nin feas, nin peludas, nin tiñan pinchos. Por ter, non tiñan nada e eran só compoñentes harmónicos a analizar por un espectrógrafo, morfemas e lexemas, funcións sintácticas, rimas e ritmo e medida. E combinatoria, e sintaxe, e montaxe. E información implícita e explícita. E claro, a maxia quedou esvaecida. A cambio conseguín que con elas fose cada vez máis difícil que ninguén me camelase. Non sei se pagou a pena o troco, pero supoño que a  estas alturas non hai moito que facerlle.

Entón, como é que hai textos que nos repudian e outros que nos atraen como poderosos imáns se non hai bonitura nin fealdade nas palabras?


3 comentarios:

poesiapopi dijo...

Porque un texto aporta algo máis que o conxunto de palabras que o conforman, bastante máis.

orola dijo...

un texto aporta toda a boa ou malaostia da intención con que foi concebido.

seara dijo...

Mesmo pode ter intencionalidade comunicativa cero e servir de cortina de fume para agochar a saber que negocios. Un exemplo moi claro é o discurso político dos partidos e tamén dalgún que outro espontáneo.