28 abr. 2012

entre as redes do gran sol








cabo de nós
a quilla sulca claridades
entre as redes
enmallan
as quenllas do instante
cos dentes fanados

no berbés
os barcos do gran sol
atracan 
toneladas de espanto

e algo parecido a un arrepìo
desembarca no peirao
de subastas de
grnades peixes 
lobotomizados

o mariñeiro agarda
despedidas
e un sobre 
da inseguridade
social comunícalle
que nunca se 
cotizou tan baixo

o quilo de ilusións
desconxeladas





21 abr. 2012

transporte de superficie





...
despois do misil
virá o candil
e cando as máquinas
non teñan con que propulsarse
iremos a pé
ou en burro
ou simplemente
deixaremos de ir 
a ningún lado
porque en ningures
xa estamos
.
un mundo de ben


9 abr. 2012

dikzionario cola caos

Manobrando en plena escuridade a quilla do noso barco bate cun cardume de peixes raros que nunca antes foran detectados polos nosos radares.  Cada peixe trae na boca un termo estraño que decidimos ao instante incorporar ao noso dicionario intergaláctico por se aparecen os bogóns ter carnada de reserva. Velaí quedan. Non son comestibles nin poñéndoos a remollo, así que se miran e non se tocan!

SANSÁBADO: O máis semellante que hai a unha tregua.

COSMÓPOLE: Cidade cósmica chea de luciñas e sumidoiros negros.

MEGALOPITA: Habitante totalmente convencido da megalópole.

CEMENTIREIRO: Cemiterio de cemento en pisiños ou cómodas parcelas construído sobre unha gran mentira.

DIÍÑA: A primeirísima hora da mañá. Sin. MAÑANCIÑA

ORGONAUTA: Navegante autónomo polo proceloso mar dos praceres sen fin que non necesita de prepotencias para manterse a flote nin de pílulas para aboiar.

ESTRATATEXIA: Plan de ataque / defensa cheo de dúbidas silábicas por pronunciar.

VIDISMO: Militancia aideolóxica dos adheridos á vida sen restriccións. ( Moi prometedor, pode estar facéndonos falta xa)

AUTIÍSMO: Doenza con cambras nas pernas dos que son incapaces de desprazarse pola vida sen incrustarse con demasiada frecuencia nun enxendro mecánico.

MAL DE OLLO: Meigallo que che pode caer se pasas moito máis tempo do necesario dicíndote que tes que ir ao oculista.

ORANGULANDIA: eeeeh....unha especie de disneilandia para os que observan por riba do ombro con escepticismo calquera manifestación discordante coa uniformidade.

RESURECCIÓNETERNA: O escandaloso engado da primavera.



6 abr. 2012

bombillas eternas



- Mestre,  vexo intensa brillar unha gran luz que me ilumina caendo sobre min

- Pois apágaa, non tardarás en ver como che cae o recibo