PANCARPALÍNDROMO: Moi semellante ao anunciopalíndromo pero aplicable ao mundo da contrapublicidade das pancartas reivindicativas nas manifestacións. Recurso aínda por explotar. Neste contexto semella que O QUE importa máis que O COMO, aínda que se reivindique algo tan básico como a limentación equilibrada, natural e limpa para todos. Os pancarpalíndromos son ideais para todo tipo de pancartas carpánticas do tipo: o pan e os ovos son as ás dos pobos
PALINDROESÉXESE: significados subliminais que poden chegar a presentar algúns palíndromos en honor á actividade. Aínda non se atoparon deste teor, pero xa aparecerán.
ODA PALÍNDRICA: Texto en honor ao pensamento palindromínico que agromará como unha flor xigante cando aparezan os suficientes palíndromos palindroesexéticos.
METAPALINDROMINIA: É metapalindrómica toda a literatura habida e por haber con tema palíndrico, independentemente do idioma e da época en que se escriba. Constitúe unha especie de embiguismo palindromínico polo cal a tropa palindrónica manifesta todas as circunstancias que rodean a súa existencia alén da ciencia e da tecnoloxía.
PALINDRASIO: Claro que si, que vai ser se non? o ximnasio palindrómico para mentes palindrásticas.
MUSIQUÍNDROMO: Este vocablo non pode ser máis que un polizonte no barco da navegación palíndrica.
É que non temos nin a máis remota idea. Debe ser algo con síndrome de outra cousa.
PALINDRORETA: Non sei mañá, pero agora mesmo un palindroreta é un anacoreta de festa tocando o pandeiro palíndrico no seu obradoiro.
PALINDRÁCNIDO: insecto pelipunto que acostuma acampar en calquera lado para pórse a calcetar.
PALINDROXINIA: esa ausencia tan significativa de marcas gramaticais palindrofemínidas no sistema operativo da linguaxe.
PALINDROMETRÍA: Unha escada sen chanzos nin relanzos nin pasamán nin principio nin fin
PALINDROLOXÍA: ciencia experimental oculta e descoñecida para os portadores de reloxos.