30 abr 2013

inciso palindrotrónico



Se atendemos ao que tradicionalmente se vén considerando un palíndromo, temos que facer unha serie de obxeccións moi serias que afectan á existencia ou non dun bo puñado de palíndromos que agardan desesperados na máis pura inopia. Procedamos:

Tradicionalmente vénse considerando palíndromo toda aquela palabra, frase ou expresión dun pensamento completo que permanecen intactas lidas ou ditas de dereita para esquerda ou de atrás para diante sen perder a súa exacta configuración ortográfica, fonética, morfolóxica, sintáctica ou semántica, que é o mesmo que dicir, en todos os planos pensables da linguaxe.

Moi ben, supoño que é imposible dar conta de máis en menos tempo. Pero tampouco hai que fiarse. Non cremos que sexa para tanto. Por exemplo: por que o factor ortográfico é tan importante? Por que non podemos considerar que o mero plano fonético outorga a unha palabra, frase ou expresión o carnet de palíndromo; por que hai que pasar pola quilla da ortografía tendo como temos un sistema representativo do idioma con grafías inútiles? Refírome naturalmente ao uve e ao ache, ao u de gu, ao dobrete ce,ci, za, zo, zu, á ausencia da grafía k, que tan alto soa cando falamos. Cantas palabras hai que difiren ortograficamente pero soan exactamente igual? Palabriñas tan ricamente palindrómicas cando son enunciadas que perden ese estatus ao seren pasadas ao papel-pantalla?

Ficaremos á espreita de cogomelos e de mapoulas furtivas ata que apareza algo parecido a unha resposta e, por suposto, un bo exemplo.







No hay comentarios.: