Imaxina que che din que ti es unha persoa moi interesante...
Si, que es alguén ideal para realizar contigo unha análise científica
con posterior prospección.....
Ti, naturalmente, alármaste.
Vas correndo ollarte nun espello por ver se é que ese día te erguiches con cara de obxecto de interese científico.....
E non notas nada que non estivese aí xa onte, nada novo que chame a atención nese misterio que es ti vivo e coleando sen a máis remota idea de por que nin para que
Imaxina que o de antes insiste e insiste ata facerche unha tentadora oferta económica só por deixarte ver a través dun aparello específico...... co billete na man.....téntate
Ti baixas a garda e preguntas timidamente que anda buscando quen tanto interese ten en mercar a túa vontade
O misterioso descoñecido di OURO. Busco ouro, tanto ten se é ou non de lei, tanto ten a quilataxe. Eu só quero ouro.
Ti, natural e honestamente sorrís e negando coa cabeza dislle abertamente que non tes. A túa dentadura está intacta, non hai implantes metálicos nin fóra nin dentro de ti. E que se os houbese, desde logo non serían de ouro.
Imaxina que o outro segue a insistir.....cun argumento do tipo TODA MATERIA TEN OURO, o que pasa é que non se ve.
Ti dislle, media parte de ti morta de risa e a outra media con inicio de arrepío, e para que queres un ouro que non se ve? Se todo o que brilla non é ouro, que valor pode ter algo que nin brilla e nin sequera se ve?
El di con aire de pavo real arrecachado que o teu ouro non o ve o ollo humano, pero está aí agardando polo ollo da máquina, ese ollo que chega a nivel miscroscópico e pode ver nitidamente as partículas infinitesimais dispersas pola materia en densidade variable e que para facer un anel de voda, por exemplo, cómpren toneladas de materia micropulverizada, arsenizada, mercurizada e lixiviada para que o ouro se manifeste unha vez compactado.
Abraiado, dis vale. Si, imaxina que accedes ante semellante demostración de poderío, sen fixarte nos detalles de tan deslumbrante exposición. Pero só unha análise, só unha mera observación preliminar. Máis nada. E extendes a man no momento en que el acerca o billete pensas furtivamente todo o que podes mercar, mesmo visualizas un anelo na túa mente, un anelo no dedo anular que nese momento se crispa aterrorizado sen que ti te decates, ese dedo fica petrificado nun rictus autónomo como se xa non fose teu. Só por deixarte ver, unha soa vez.
O que aínda non sabes é que con ese xesto acabas de asinar a túa máis absoluta desintegración sen dar nin sequera entendido que cousa é o que significa un átomo.
Isto non fai falta que o imaxines.
Quen te comprou é un sicópata e descoñece a piedade. Primeiro limitarase a verte cos seus sofisticados aparellos traídos da capital dun imperio deacdente afincado na merda na súa máis exquisita expresión, observarate día e noite e tomará datos de ti infinitesimais ata a extenuación.
A continuación quererá extraer mostras do teu corpo, negaraste, dirache que xa é tarde. Que quen fai a observación ten o dereito adquirido da prospección. Empezará a analizar fragmentos de ti para ver a densidade e os quilates do teu ouro interno invisible para o portador. Despois virá a fase de explotación masiva e finalmente acabarás na montaña de entullo arsenizado mercurizado enlixiviado e hiperlavado onde outros centos de miles de cobaias coma ti xacen convertidos en po..... e todo por unha análise de nada xenerosamente pagada, xenerosa de máis para ter credibilidade.
Agora imaxina que tes coñecemento de toda esta información antes de coller o billete, o maldito billete. Que lle dirías daquela a ese señor xerente, enxeñeiro, sicópata licenciado na morgue, político de profesión?
Por suposto, non.