27 dic 2012

polbo á feira

Un bo polbo son oito serpes unidas
por un gran lío na cabeza
ao xeito en que unha árbore vella
fai converxer todas as súas pólas
na sabedoría rugosa do tronco.

As patacas, riquísimas.




26 dic 2012

a fe con que te invento








HESPAÑA vai a misa

limitando ao norte
co mar meditarráneo

ao sur
coa áfrica polar

ao leste
cos escenarios da última guerra
e co mar atlántico

ao oeste
co océano mediterráneo
de novo
outra vez




5 dic 2012

menú nupcial para celebrar a caída do neoliberalismo integral nos frazos fofos amantes do caos




Ben, pois a Raghoi comíao pero non cru
ben cosido coma os polbos e muito mellor picadiño ca un allo para barbacoa

A Botella escachábaa contra un barquiño noviño do trinque para ire con el ás Cíes faser unha festiña lucrativa de hipermegaguai comité

Ao ministro de edusación siensia e astronomía estatística comparativa cristiá e capitalista, a ese, moíao no Folón e fasía papas con el, papas coa textura (escusezmua)  do arros pasado

A Sapatero habíalle poñer un sapato de sombreiro antes de poñelo a curtir

Ehhhhhhhhhhhhh

Isto é un menú nupcial non unha merenda de negros!

Así é que

Atención!

moitos mexillóns ultramercurizados
pílulas gratis para todos
varios deputados deputamadre
varías nmarías á brasa churruscadiñas de todos os grosores
groserías en minipaquetiños de colores
moitos vultos
todo tipo de deterxentes líquidos
toneladas de roupa para os invitados
programación ininterrompida noite e día
unha amplísima gama de paxaros de coidado expertos en memeces internacionais
cociñados seguindo receitas dignas da súa importancia

a raghoi servirámolo en lonchas, ben curado, pero cru
a feigho, sen embargo, poñerémolo en aceite con chourizos
a fragha estarano picando con cebola no pulgatorio
o reisiño asámolo con pataquiñas de elefante botadas no entroido
a raíña metémola na licuadora
co papa temos un problema, só podemos, só vale para papas
que é como facer pan con pan e nada no medio
sapatero vai frixido con pementos de padrón
A cúpula militar dará para un bo salpicón
a dos partidos de menestra
as bases poñerémolas a mollo co bacallau a ver se aprenden a cortalo
a ultradereita cos ósos no caldo e a ultraesquerda poñerémola en salmoira e despois ao sol

aos poetas de circunstancias meterémolos en formol
e os decadentes, xa sen dentes, meterémolos en grandes latas de quilotoneladas

As adegas do barco xa están cheas
só hai que agardar a que suba a marea
todo listo para o funeral
do neocapitalismo liberal.



10 nov 2012

PANTALLISMO





Mentres vostede descansa, mentres consome, mentres goza dos espectáculos que lle oferta o sistema, un exército invisible está apoderándose da súa mente, da súa conduta e das súas emocións. A súa vontade está sendo tomada por forzas de ocupación invisibles sen que vostede sospeite nada. As batallas xa non se desenvolven en espazos lonxanos, senón na súa propia cabeza. Xa non se trata dunha guerra por conquista de territorios, senón dunha guerra por conquista de cerebros, na que vostede é o branco principal.

Manuel Freytas







13 oct 2012

pílulas Debord


nº1

o sol que nunca se pon
no imperio da pasividade
todo o enferruxa
co seu fulgor
cego e autocompracido

nº2
sociedade de espectadoresconsumidoresemisorestransmisorespropagadores
especulistas especuladores do real  vivo reconvertidos en produto  morto e negociable
magníficos actorazos e actrizotas actrizazas
vedettes
champú
e sincronías por telepatía
cableada ao módico prezo dos rosarios vía satélite

nº3 
o que existe non aparece
xa está aí de sempre
aparece o que non existe e ponse a actuar
con ou sen guíon
e produce-consome é consumido  polo espectáculo
porque a única mensaxe é o medio
que carece de finalidade
e non alumea máis que a si mesmo
incandescente
non hai noite
non hai tregua
non hai apagón
un novo canellón sen saída
o ollo insomne
do puro idiotismo, perdón, hipnotismo
xestionado parece que por ninguén
pero nunca autoxestionario

nº4
o espectáculo é a negación  do diálogo
a vida concreta volta unha especulación
o gardián do soño
a maneira en que a orde establecida monologa consigo mesma
o orgasmo eléctrico é total
pura arte masturbatoria
en forma de autopublicidade morbosa

nº5 
a distancia é o principio e a fin do espectáculo
todo está permitido mentras se mova no terreo do imposible
é o sistema económico fundamentado no isolamento
o espectador non acha o seu lugar en ningures porque o espectáculo o abrangue todo
o espectáculo é o capital transformado en imaxes



.......e imos parando, que cinco doses seguidas poden crear a súbita sensación de sermos imbéciles dende o nacemento ata o cemiterio


A fórmula maxistral destas pílulas desenvólvea con moito pormenor Guy Debord no seu ensaio A sociedade do espectáculo,1967. Este texto  serve de base para o documental dirixido polo autor: La societé du spectacle, colgado por Naranjas de Hiroshima en youtube.







7 oct 2012

militancias erráticas








QUEN MOITO RI
- non tarda en arrepentirse
- fai jijiji

QUEN MOITO LE
- moito té
- e o leite por fóra

QUEN MOITO PENSA
- moita leña
- e pouca cociña

QUEN MOITO MONTA
- montouto
- pelo solto do crecente

QUEN CON NENOS SE DEITA
- con vellos se levanta
- e son feísimos

QUEN CON QUEIXO COME
- acaba xamón
- cocido

QUEN CON QUEN
- e nada no medio
- conxelado

QUEN DIS?
- chafarís
- eu non son de aquí

QUEN CAVA?
- quen poida!
- e quen queira!

QUEN CUNCHA?
- non sei
- e ti?

QUEN SE NON?
- pois a túa avoa
- ou a túa tía


12 sept 2012

medo e medio





1
a inimaxinable cantidade
de merda espectacular
que anda polo medio
mete medo


2
renegamos de todos os mestres
e dos seus consellos


3
o meu amado mestre dáme consellos que nin el segue .......
iso dáme que pensar.......
estará sen eu sabelo tentando adestrarme en EXCEPTOLOXÍA?
quererá sen o meu consentimento facer de min un ser EXCÉPTICO?
ou será que tenta inutilmente coar un racimo de malwares fedorentos no meu inxel sistema operativo
para esterilizar todas as miñas inxenuas e marabillosas EXPECTATIVAS?


4
a Terra perde o Norte
pero nós saberemos navegar de cú e costa arriba
porque esa á a nosa gloriosa  habilidade
antigravitatoria









2 jul 2012

auga: s.o.s







17 jun 2012

hábitos





o homiño sobrepasaba en moito a idade de mocear cando conseguiu coarse na rede como un guaperas de máis ou menos vintecinco anos. Era intelixente, tiña sensibilidade poética e unha gran facilidade para compoñer convincentes mensaxes amorosas. Todos os días aprendía algo novo e empezou a cachinar aquí e alá nas páxinas "verdes" coma el que ía atopando sen grande esforzo. Púñase coma unha moto. Un día decidiu contactar con rapazas "reais" ás que empezou a mandarlles correos entenrecedores. Algunhas, coidando flirtear cun mozo, empezaron a espirse diante da webcam e el non tardou en converterse nun sexópata de pantalla cun mogollón de noivas ao seu dispór. Hai que dicir ao seu favor que nunca converteu ese material en noxenta mercadoría, limitábase a usalo para disfrute e goce persoal. Todos os días facía unha palla diante da pantalla e o moi temerario había días que recuncaba. Aquilo precipitouno nun estado de debilidade física e mental tal que non se atrevía a saír da casa-vivía dunha paga- e acabou por chamar ao veciño por teléfono para rogarlle que o fornecese de todo o que necesitaba do mundo exterior, que lle pagaría ben. Chegou un momento en que o veciño, preocupado, avisou a unha asistenta social para que fose visitalo. Cando conseguiron que abrise a porta, o seu aspecto era estremecedor, a expresión da súa cara era tan estraña que o primeiro que pensaron foi en levalo a un manicomio pero tiveron piedade del e decidiron ingresalo de inmediato nun hospital para facerlle un recoñecemento de arriba abaixo. El accedeu a regañadentes porque de camiño á porta parara un momento diante do espello do corredor e tamén notara que aquela cara en rictus petrificado non podía ser a súa, volvérase vello de repente sen adquirir conciencia do cambio. Cando o pobre do vello se viu rodeado de enfermos de verdade no cuarto do hospital sen posibilidade ningunha de conexión e sen nada que esporease o seu desexo desexou morrer nese momento. Ninguén sabe que foi del. Uns din que efectivamente morreu alí, outros aseguran que saiu polo seu pé, pois no hospital non é doado palmala, que manterte  con vida como sexa é o miolo do negocio sanitario, que tivo que pasar o mono da sexopatía a pelo e que cando por fin saiu estaba tan deteriorado espiritualmente que adicou os últimos anos que lle quedaban de rastreira existencia a percorrer como un poseso todos os supermercados, mesmo os máis afastados, para aproveitar as mellores ofertas, de xeito que consegui que lle chegase a final da vida rodeado dos obxectos máis dispares e inútiles que unha poida imaxinar. A final devorouno unha nova adición: o consumo compulsivo do que nunca necesitou.

Daquela o hábito non fai monxes pero pode facer escravos.
Sen querelo saíume unha narración edificante. Síntome avergoñada.




7 jun 2012

chistiño caníbal



Van dous exploradores perdidos 
no medio da selva......e son capturados polos cazadores dunha tribo á que milagrosamente aínda non chegou a civilización
lévanos á aldea metidos nunha gran rede como se fosen dous grandes peixes.....
un deles, o profundista e deductor, empeza a sospeitar que foron capturados por caníbales,,,,,,,,pero non di nada ao outro para non preocupalo
nada máis chegar, métenos nunha gran pota de auga fría debaixo da cal empeza a arder un gran feixe de leña......
entón vai o pinche de cociña e dille ao cociñeiro : metémoslle unhas pataquiñas?

- Ti estás tolo! non ves a cara de esfameados que teñen? Son capaces de comelas!



3 jun 2012

conversas ultramariñas



DOUS QUE LEVAN UNHA CHEA DE TEMPO PESCANDO COA CANA NUNHA GAMELA NO MEDIO DA RÍA E NON LLES ENTRA NADA

- cando ferves un peixe, a parte máis saborosa sabes cal é?

- pshhh, pois non.

- veña, pensa!

- ummmm.....non dou. Cal?

- a cabeza. É o mellor do peixe. Sabes por que?

- pois...non sei.....Eu sempre prefiro o rabo, ten menos espiñas e tal

- fas mal. Se tes oportunidade, deberías escoller a cabeza. Dígoche por que. Agarda! creo que está picando algo.......bah! marchou!............a cabeza. A cabeza do peixe cando pica nin as pensa; entra na malla ou pica na brinca sen considerar primeiro nada.

- E o rabo?

- O rabo? O rabo resístese ata o último momento; cando xa todo está perdido é a parte máis moída. Onde viches ti un peixe que picase co rabo? Se os peixes picasen co rabo, poñeríanse comas tolos a pensar onde carallo se meteran e cando o meteses na caldeirada tiraríanse na pota coa cabeza feita un lío.Estremézome só de pensalo.

- Ah! pois tes razón, nunca o pensara!

- Se o pensases chegarías a mesma conclusión.

- Oes! e hoxe que comemos? Aquí debe haber profundismo meditativo para peixes pensantes porque non está entrando nada!

- Xa virán, non te preocupes. E ti sabes o que lle di unha sardiña a un pinto?

- unha sardiña a un pinto? Vai ti saber!

- dille: pica, pica, pececito!


- coño! e quen lles aprendeu a falar en castellano?

- ninguén. As sardiñas falan no idioma universal dos animais. Pero ás veces para socializarse e ironizar un pouco practican idiomas. Total, teñen todo o inconmensurable tempo do Océano, e mentres non caen nas redes en algo teñen que pasalo.

- pois si que pasan cousas insólitas no fondo do mar......pois debe haber asemblea con tradución simultánea aí abaixo porque segue sen picar nada.....

- paciencia! e ti sabes cal é o peixe máis parvo que hai no mar?

- nin idea! Vai ti saber! cal?

- O PINTO!

- o pinto? e logo por que?

- é tan fermoso e tan crido que pica poñas o que lle poñas. Antes de ver a miñoca xa está trincado!

- pois será verdade porque mira o que aquí vén!

- Xa está, hoxe comemos empanada de pinto!









30 may 2012

Euskadi fóra de Estado

astronomía variable



calibrado o ángulo de posición
a anos luz das estrela binarias
coa catenaria en proceso de tensión
reconvertidas as paralaxes 
da miña invención
fago elípticas coa ollada
en órbita sobre a superficie
regrada da devastación
reaxusto a pracer
orto e ocaso 
do vindeiro sol
poño na balanza 
os parsec de distancia
que quedan entre nós
e a próxima explosión
quedo coas magnitudes aparentes
dos grafos desta ilusión
na espiral de distancia angular paraboloide
que fan os electróns
describo clotoides para trens
a control remoto
que andan día e noite
na banda de Moebius
da miña emoción
ese astro variable
con magnitude aparente medible
en ciclóns improvisados
 na estrutura interna
do meu metonímico
corazón








19 may 2012

sepulcros brancos pechados a cal e canto / prohibido o paso




Rexistran os nosos radares 
voos de gaivotas pairando
no vento que asubían
as follas dos calendarios
caendo
en picado
coma se fosen de chumbo
sobre os nichos niquelados
de cemento armado

O cemiterio ten un aquel estraño:
canta menos presencia da vida
con máis intensidade brillan 
os seus fogos fatuos
nun proceso de conxelación
instantánea
que tende morbosamente
a dilatarse

A bandada de aves urbanícolas
marcha intimidada
pola friaxe esgazante dos semáforos
sen largar un chío
cara a podredume exenta de impostos
dos peiraos 
de tráfico internacional 
de mercadorías.







"sepulcros brancos" expresión oída en radio3, radio nacional de madrí, para referirse a actividade poética de non sei quen en voz dunha oínte que prestou a súa desinteresada colaboración opinadora. Que mona!





28 abr 2012

entre as redes do gran sol








cabo de nós
a quilla sulca claridades
entre as redes
enmallan
as quenllas do instante
cos dentes fanados

no berbés
os barcos do gran sol
atracan 
toneladas de espanto

e algo parecido a un arrepìo
desembarca no peirao
de subastas de
grnades peixes 
lobotomizados

o mariñeiro agarda
despedidas
e un sobre 
da inseguridade
social comunícalle
que nunca se 
cotizou tan baixo

o quilo de ilusións
desconxeladas





21 abr 2012

transporte de superficie





...
despois do misil
virá o candil
e cando as máquinas
non teñan con que propulsarse
iremos a pé
ou en burro
ou simplemente
deixaremos de ir 
a ningún lado
porque en ningures
xa estamos
.
un mundo de ben


9 abr 2012

dikzionario cola caos

Manobrando en plena escuridade a quilla do noso barco bate cun cardume de peixes raros que nunca antes foran detectados polos nosos radares.  Cada peixe trae na boca un termo estraño que decidimos ao instante incorporar ao noso dicionario intergaláctico por se aparecen os bogóns ter carnada de reserva. Velaí quedan. Non son comestibles nin poñéndoos a remollo, así que se miran e non se tocan!

SANSÁBADO: O máis semellante que hai a unha tregua.

COSMÓPOLE: Cidade cósmica chea de luciñas e sumidoiros negros.

MEGALOPITA: Habitante totalmente convencido da megalópole.

CEMENTIREIRO: Cemiterio de cemento en pisiños ou cómodas parcelas construído sobre unha gran mentira.

DIÍÑA: A primeirísima hora da mañá. Sin. MAÑANCIÑA

ORGONAUTA: Navegante autónomo polo proceloso mar dos praceres sen fin que non necesita de prepotencias para manterse a flote nin de pílulas para aboiar.

ESTRATATEXIA: Plan de ataque / defensa cheo de dúbidas silábicas por pronunciar.

VIDISMO: Militancia aideolóxica dos adheridos á vida sen restriccións. ( Moi prometedor, pode estar facéndonos falta xa)

AUTIÍSMO: Doenza con cambras nas pernas dos que son incapaces de desprazarse pola vida sen incrustarse con demasiada frecuencia nun enxendro mecánico.

MAL DE OLLO: Meigallo que che pode caer se pasas moito máis tempo do necesario dicíndote que tes que ir ao oculista.

ORANGULANDIA: eeeeh....unha especie de disneilandia para os que observan por riba do ombro con escepticismo calquera manifestación discordante coa uniformidade.

RESURECCIÓNETERNA: O escandaloso engado da primavera.



6 abr 2012

bombillas eternas



- Mestre,  vexo intensa brillar unha gran luz que me ilumina caendo sobre min

- Pois apágaa, non tardarás en ver como che cae o recibo






23 mar 2012

o produto es ti



todo o que tocan
convértese en cadáver
exquisito
no caderno de visitas
apuntan e fan inventario


o usuario
non é o cliente
é o produto

non hai perdas

mellor aínda que nas funerarias


mortenvida:
negocio seguro


coidou que estaba fodendo
coa madre superiora
e resultou que fodía
cun par de computadoras.





17 mar 2012

fodendo coa computadora ( con perdón)



a máquina caladiña
dá paso á vida
en flor

a máquina zunindo
vai empacando morte
encapsulada en latiñas
de videolaboratoriodebarrio
en vidadesconsolandiaworldwol
eraandiwarhol
todo pozas
e batracios
mecánicos


Andi Warhol: Camuflaxe


nota a pé de entrada
sen ter moito que ver:
" sen rimas, polo carallo
vai saír á rúa a poesía"




18 feb 2012

refráns tuneados

  • as malas pulgas aniñan onde non hai ideas do xeito
  • deus debería darlle lobos a quen non ten dentes
  • a árbore sempre é o que vén de ráiz
  • quen deita cun papa mollado se levanta
  • a pequenos grans grandes miserias
  • non fai falta cocer as plumas 
  • hai que mallar no pai antes de que se faga o interesante
  • carne crúa devora vérmes
  • pel vermella non usa queratina
  • onde hai ameixas sobran alexandrinos
  • pelos caídos déixaos ir
  • o balcón da veciña sempre ten flores
  • non todo o que brilla é monte
  • vivir de erros alleos dá de comer horrores
  • o caimán quere coxegas de nécora arrepentida
  • can peiteado quere raia torta
  • amor morto non era amor, era tontería
  • alúganse noivos de reposto case sen usar
  • nunca choveu que non mollara
  • beixos en lata anubran monóculos visionarios
  • tanto ten o que coma o como
  • os medios din máis que os obxectivos
  • a explosións silenciosas silencios expansivos
  • quedar co cú ao aire produce catarreira histórica

Peliqueiros de Laza
Armando Salas


21 ene 2012

paráfrase de min



debería algunha vez eu
chamar por min moi seriamente
e preguntar a todas as cunchas esfrangulladas do meu eu
serenamente
onde van as flores que nunca abriron
onde as sementes
das que terían que ter xermolado
os meus máis ledos pensamentos 
inocentes
podería eu por min chamar
algunha vez
lucidamente
e demandar por correo unha
toma de terra que me asente
niso que coido ser
e que probablemente
non consiga diferenciar
do que o resto da xente é

poedría eu formularme unha cuestión
máis que transparente
para os mapas onde xacen agochadas
as cartografías máis internas da miña mente escindida
en mundos indiferentes
e ao mesmo tempo
un único mundo displicente
alí onde incido unha e outra vez
de maneira louca e intermitente

si, debería eu procurar un número que fose meu
e chamarme e preguntarme
como anda todo no cemento do cemiterio
e na diáspora de min mesma
sempre perseguindo as aves vivas do presente continuo
en que me perdes
porque entre os dous hai un río de lodo
fosforescente
e un volcan de lava deterxente.........








8 ene 2012

delicatesen





Falarei baixo 
Para não perturbar tua amiga adormecida 
Serei delicado. Sou muito delicado. Morro de delicadeza. 
Tudo me merece um olhar. Trago 
Nos dedos um constante afago para afagar; na boca 
Um constante beijo para beijar; meus olhos 
Acarinham sem ver; minha barba é delicada na pele das mulheres. 
Mato com delicadeza. Faço chorar delicadamente 
E me deleito. Inventei o carinho dos pés; minha palma 
Áspera de menino de ilha pousa com delicadeza sobre um corpo de adúltera. 
Na verdade, sou um homem de muitas mulheres, e com todas delicado e atento 
Se me entediam, abandono-as delicadamente, desprendendo-me delas com uma doçura de água 
Se as quero, sou delicadíssimo; tudo em mim 
Desprende esse fluido que as envolve de maneira irremissível 
Sou um meigo energúmeno. Até hoje só bati numa mulher 
Mas com singular delicadeza. Não sou bom 
Nem mau: sou delicado. Preciso ser delicado 
Porque dentro de mim mora um ser feroz e fratricida 
Como um lobo. Se não fosse delicado 
Já não seria mais. Ninguém me injuria 
Porque sou delicado; também não conheço o dom da injúria. 
Meu comércio com os homens é leal e delicado; prezo ao absurdo 
A liberdade alheia; não existe 
Ser mais delicado que eu; sou um místico da delicadeza 
Sou um mártir da delicadeza; sou 
Um monstro de delicadeza. 



VINICIUS DE MORAES:  Elegia ao primeiro amigo (fragmento) , texto íntegro AQUÍ