o homiño sobrepasaba en moito a idade de mocear cando conseguiu coarse na rede como un guaperas de máis ou menos vintecinco anos. Era intelixente, tiña sensibilidade poética e unha gran facilidade para compoñer convincentes mensaxes amorosas. Todos os días aprendía algo novo e empezou a cachinar aquí e alá nas páxinas "verdes" coma el que ía atopando sen grande esforzo. Púñase coma unha moto. Un día decidiu contactar con rapazas "reais" ás que empezou a mandarlles correos entenrecedores. Algunhas, coidando flirtear cun mozo, empezaron a espirse diante da webcam e el non tardou en converterse nun sexópata de pantalla cun mogollón de noivas ao seu dispór. Hai que dicir ao seu favor que nunca converteu ese material en noxenta mercadoría, limitábase a usalo para disfrute e goce persoal. Todos os días facía unha palla diante da pantalla e o moi temerario había días que recuncaba. Aquilo precipitouno nun estado de debilidade física e mental tal que non se atrevía a saír da casa-vivía dunha paga- e acabou por chamar ao veciño por teléfono para rogarlle que o fornecese de todo o que necesitaba do mundo exterior, que lle pagaría ben. Chegou un momento en que o veciño, preocupado, avisou a unha asistenta social para que fose visitalo. Cando conseguiron que abrise a porta, o seu aspecto era estremecedor, a expresión da súa cara era tan estraña que o primeiro que pensaron foi en levalo a un manicomio pero tiveron piedade del e decidiron ingresalo de inmediato nun hospital para facerlle un recoñecemento de arriba abaixo. El accedeu a regañadentes porque de camiño á porta parara un momento diante do espello do corredor e tamén notara que aquela cara en rictus petrificado non podía ser a súa, volvérase vello de repente sen adquirir conciencia do cambio. Cando o pobre do vello se viu rodeado de enfermos de verdade no cuarto do hospital sen posibilidade ningunha de conexión e sen nada que esporease o seu desexo desexou morrer nese momento. Ninguén sabe que foi del. Uns din que efectivamente morreu alí, outros aseguran que saiu polo seu pé, pois no hospital non é doado palmala, que manterte con vida como sexa é o miolo do negocio sanitario, que tivo que pasar o mono da sexopatía a pelo e que cando por fin saiu estaba tan deteriorado espiritualmente que adicou os últimos anos que lle quedaban de rastreira existencia a percorrer como un poseso todos os supermercados, mesmo os máis afastados, para aproveitar as mellores ofertas, de xeito que consegui que lle chegase a final da vida rodeado dos obxectos máis dispares e inútiles que unha poida imaxinar. A final devorouno unha nova adición: o consumo compulsivo do que nunca necesitou.
Daquela o hábito non fai monxes pero pode facer escravos.
Sen querelo saíume unha narración edificante. Síntome avergoñada.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario