17 jun 2012

hábitos





o homiño sobrepasaba en moito a idade de mocear cando conseguiu coarse na rede como un guaperas de máis ou menos vintecinco anos. Era intelixente, tiña sensibilidade poética e unha gran facilidade para compoñer convincentes mensaxes amorosas. Todos os días aprendía algo novo e empezou a cachinar aquí e alá nas páxinas "verdes" coma el que ía atopando sen grande esforzo. Púñase coma unha moto. Un día decidiu contactar con rapazas "reais" ás que empezou a mandarlles correos entenrecedores. Algunhas, coidando flirtear cun mozo, empezaron a espirse diante da webcam e el non tardou en converterse nun sexópata de pantalla cun mogollón de noivas ao seu dispór. Hai que dicir ao seu favor que nunca converteu ese material en noxenta mercadoría, limitábase a usalo para disfrute e goce persoal. Todos os días facía unha palla diante da pantalla e o moi temerario había días que recuncaba. Aquilo precipitouno nun estado de debilidade física e mental tal que non se atrevía a saír da casa-vivía dunha paga- e acabou por chamar ao veciño por teléfono para rogarlle que o fornecese de todo o que necesitaba do mundo exterior, que lle pagaría ben. Chegou un momento en que o veciño, preocupado, avisou a unha asistenta social para que fose visitalo. Cando conseguiron que abrise a porta, o seu aspecto era estremecedor, a expresión da súa cara era tan estraña que o primeiro que pensaron foi en levalo a un manicomio pero tiveron piedade del e decidiron ingresalo de inmediato nun hospital para facerlle un recoñecemento de arriba abaixo. El accedeu a regañadentes porque de camiño á porta parara un momento diante do espello do corredor e tamén notara que aquela cara en rictus petrificado non podía ser a súa, volvérase vello de repente sen adquirir conciencia do cambio. Cando o pobre do vello se viu rodeado de enfermos de verdade no cuarto do hospital sen posibilidade ningunha de conexión e sen nada que esporease o seu desexo desexou morrer nese momento. Ninguén sabe que foi del. Uns din que efectivamente morreu alí, outros aseguran que saiu polo seu pé, pois no hospital non é doado palmala, que manterte  con vida como sexa é o miolo do negocio sanitario, que tivo que pasar o mono da sexopatía a pelo e que cando por fin saiu estaba tan deteriorado espiritualmente que adicou os últimos anos que lle quedaban de rastreira existencia a percorrer como un poseso todos os supermercados, mesmo os máis afastados, para aproveitar as mellores ofertas, de xeito que consegui que lle chegase a final da vida rodeado dos obxectos máis dispares e inútiles que unha poida imaxinar. A final devorouno unha nova adición: o consumo compulsivo do que nunca necesitou.

Daquela o hábito non fai monxes pero pode facer escravos.
Sen querelo saíume unha narración edificante. Síntome avergoñada.




7 jun 2012

chistiño caníbal



Van dous exploradores perdidos 
no medio da selva......e son capturados polos cazadores dunha tribo á que milagrosamente aínda non chegou a civilización
lévanos á aldea metidos nunha gran rede como se fosen dous grandes peixes.....
un deles, o profundista e deductor, empeza a sospeitar que foron capturados por caníbales,,,,,,,,pero non di nada ao outro para non preocupalo
nada máis chegar, métenos nunha gran pota de auga fría debaixo da cal empeza a arder un gran feixe de leña......
entón vai o pinche de cociña e dille ao cociñeiro : metémoslle unhas pataquiñas?

- Ti estás tolo! non ves a cara de esfameados que teñen? Son capaces de comelas!



3 jun 2012

conversas ultramariñas



DOUS QUE LEVAN UNHA CHEA DE TEMPO PESCANDO COA CANA NUNHA GAMELA NO MEDIO DA RÍA E NON LLES ENTRA NADA

- cando ferves un peixe, a parte máis saborosa sabes cal é?

- pshhh, pois non.

- veña, pensa!

- ummmm.....non dou. Cal?

- a cabeza. É o mellor do peixe. Sabes por que?

- pois...non sei.....Eu sempre prefiro o rabo, ten menos espiñas e tal

- fas mal. Se tes oportunidade, deberías escoller a cabeza. Dígoche por que. Agarda! creo que está picando algo.......bah! marchou!............a cabeza. A cabeza do peixe cando pica nin as pensa; entra na malla ou pica na brinca sen considerar primeiro nada.

- E o rabo?

- O rabo? O rabo resístese ata o último momento; cando xa todo está perdido é a parte máis moída. Onde viches ti un peixe que picase co rabo? Se os peixes picasen co rabo, poñeríanse comas tolos a pensar onde carallo se meteran e cando o meteses na caldeirada tiraríanse na pota coa cabeza feita un lío.Estremézome só de pensalo.

- Ah! pois tes razón, nunca o pensara!

- Se o pensases chegarías a mesma conclusión.

- Oes! e hoxe que comemos? Aquí debe haber profundismo meditativo para peixes pensantes porque non está entrando nada!

- Xa virán, non te preocupes. E ti sabes o que lle di unha sardiña a un pinto?

- unha sardiña a un pinto? Vai ti saber!

- dille: pica, pica, pececito!


- coño! e quen lles aprendeu a falar en castellano?

- ninguén. As sardiñas falan no idioma universal dos animais. Pero ás veces para socializarse e ironizar un pouco practican idiomas. Total, teñen todo o inconmensurable tempo do Océano, e mentres non caen nas redes en algo teñen que pasalo.

- pois si que pasan cousas insólitas no fondo do mar......pois debe haber asemblea con tradución simultánea aí abaixo porque segue sen picar nada.....

- paciencia! e ti sabes cal é o peixe máis parvo que hai no mar?

- nin idea! Vai ti saber! cal?

- O PINTO!

- o pinto? e logo por que?

- é tan fermoso e tan crido que pica poñas o que lle poñas. Antes de ver a miñoca xa está trincado!

- pois será verdade porque mira o que aquí vén!

- Xa está, hoxe comemos empanada de pinto!