4 mar 2011

MEDITACIÓN PERIPATÉTICA

Quen fai un cesto, fai un cento

realizar = facer real


TUBOS DE REALIDADE

Semella que para configurar a realidade cada persoa ten ao seu dispór un feixe de tubos que se interconectan entre eles e que permiten a interconexión con outros feixes de tubos de realidade, que acostumamos chamar os-as outros-as.

TUBO MATERIAL configurado polo corpo, a casa, a rúa, o barrio,a fábrica, a escola, o súper, a cidade, a abominación, nº de teléfono, enderezo, nº da SS, nº do DNI, feridas, marcas, cicatrices, moitos papeis que falan de nós como se nunca ninguén nos puxese un nome, fotografías, pinceis, marcos, espellos, corredores, portas, límites, fronteiras......menos mal que só é un dos múltiples tubos. Se estivesemos limitados a este único tubo a existencia sería unha condena e a morte unha liberación provocadora. Estariamos permanentemente tentados.

TUBO MENTAL: abastecido polos tubos sensoriais da percepción inmediata, tamén pola memoria inmediata e remota de experiencias anteriores. Os campos da percepción e da memoria aparecen cheos de minas ( antipersoa e propersoa ) que poden facer estoupar o noso cerebro en calquera momento. Hai que evitar como sexa as explosións masivas, non o soportariamos. Hai que trazar sendas mentais minimamente seguras. De nada serven os mapas; a realidade é unha mutación constante, non hai mapas mutantes, polo tanto non son infalibles, coma nós en conxunto.

TUBO PSÍQUICO: se o tubo mental está cheo de minas, o tubo psíquico é un auténtico campo de probas. Cantos experimentos non nos estoupan nas mans? Hai que protexerse antes de probar, asegurar ben a fortaleza dos sistemas inmunitarios. A alma ten que ser adestrada e robustecida para poder lanzarnos a experimentar e saír indemnes.

TUBO EMOCIONAL, está constituído por unha rede de tubiños que capturan os movementos inminentes a realizar guiados polo desexo, verdadeiro motor da vida. Se conseguimos sintonizar os tubiños emocionais co tubo mental dámos lugar aos sentimentos, que basicamente son: o amor e o seus contrarios. Emocionalmente estamos preparados para asumilo, o amor, o amor total. O que historicamente se vén chamando miseria é carencia de amor; canto menos amor, máis miseria.Cando a carencia de amor se proxecta cara un mesmo, é imposible amar nada nin ninguén. Todo afecto, toda entrega, toda conquista, toda restauración, toda alegría ten que empezar por un mesmo. Do que tes, podes dar. Do que careces, nada podes entregar. E o amor aliméntase da entrega. Da beleza que se entrega. Esta é a enerxía que move o mundo. Calquera outra doazón só serve para alimentar a miseria. E todos sabemos que a miseria en masa só dá de comer ao odio, que é a outra cara do amor, a cara ausente da vida.

TUBO ESPIRITUAL: esa chamada que se sente cando un nace. Esa vontade innata de superación. Esa fame de ascensión e de acadar altura. Esa gana de medrar, medrar, medrar canto máis mellor, cara arriba, cara abaixo, cara o leste, cara o oeste, expandirse en todas as direccións. Extraer da rede de autoestradas dos nosos tubos de realidade unha conciencia sen límite que non para a súa expansión nin sequera tocando o céo.

Agora ben, pode unha persoa soa, illada en si mesma, desconectada dos demais, levar a cabo expansión algunha? Non. O isolamento só pode producir contracción, tendencia á aniquilación, depresión, inseguridade, medo, desesperación.

Debo comunicar a alguén o que sucede no meu túnel de realidade para constatar que está sucedendo. Todo o que non podo comunicar me devora, está morto, inmóbil, e por tanto non sucede, non é real.

Entón, cal é a clave? A clave é os-as outros-as.

Como dar co outro? depende do tubo de realidade que poidas ou queiras ou te permitas aplicar.

NO TUBO MATERIAL: darás cos que te rodean na máis estreita cercanía e de forma inmediata. Resulta curioso que neste, pr chamarlle dalgunha maneira, plano, é complicado e difícil dar cos outros; establecer conexións que permitan o crecemento mútuo. Todos vivimos pendentes de máis de nós mesmos e tendemos a ignorar aquelas persoas que podemos e nos poden tocar, non vaia ser que nos peguen...algo estraño. Sen embargo, necesitamos poderosamente sempre alguén a quen poder abrazar para abrazarnos a nós mesmos e recoñecer a nosa humanidade. Do mesmo xeito que cando ollamos, sempre ollamos algo e non os propios ollos. Ser humano é dar a man para non ser fume que se disipa inútil no ar.

NO TUBO MENTAL: é lóxico pensar que darás con todos aqueles que te atraen mentalmente, como un imán atrae determinado metal. Estas conexións poden estar desligadas do plano material inmediato, pero alimentan de por vida. Por exemplo, darás con libros que promoverán un movemento sísmico de tal envergadura na túa mente que acabarás por chorar. Este é un bo sinal. Canta máis conmoción, canta máis emoción, máis movemento. Se consegues aliñar esta descarga emocional co teu intelecto nacerá unha nova fonte de enerxía, unha nova fonte de beleza e de amor. É un amor sen rastro material, non se pode traizoar porque non ten lugar físico para ser apuñalado, nin sangue que poida brotar. Está exento de compromiso.

NO TUBO PSÍQUICO: demostradas as afinidades e repelencias dos campos magnéticos, semella que psíquicamente andamos sempre á procura do contrario, do complementario, para nos equilibrar. A atracción e a repelencia psíquica é unha consecuencia da afinidade mental. Son contrarios ou complementarios aqueles elementos que teñen unha carga significativa común. Dime como pensas, como o dis, o que dis e o que non dis e direiche o grao de afinidade ou repelencia que teño contigo. Sempre hai afinidades posibles porque todos estamos feitos da mesma pasta humana, e toda persoa, sexa de onde sexa e fale a lingua que fale, é suceptible de ser sintonizada pot ti ou de sintonizar contigo mental e psiquicamente.

NO TUBO EMOCIONAL darás con persoas coas que sentes ligazóns fóra de todo control mental. Aquí funciona o instinto innato de procurar ámbitos que nos posibiliten a curación das profundas feridas infrinxidas na infancia. Nunca haberá suficientes tiritas para taponalas. Algunhas levan sangrando toda a vida, outras cicatrizan e quedan aí trazando un mapa intransferible. Ás veces o instinto falla e o que coidabamos terapéutico pode ter efectos secundarios tan devastadores que as lesións poden minarnos o resto da vida. As conexións emocionais cos outros están cheas de trampas, de nós, de subornos, de presións. Hai que aliñar correctamente as emocións co intelecto para que nazan sentimentos fructíferos que poidan chegar a transformarse en paixóns. Cando o mundo se rexa polo goberno da paixóns asumidas como un destino, as transformacións no plano material serán tan profundas que os seres humanos de hoxe seremos contemplados como auténticos bonecos de cartón. 

NO TUBO ESPIRITUAL os encontros parece como se estivesen xa todos pactados de antemán. A enerxía busca transformarse en enerxía; toda eiva, toda perda, toda mutilación queda descartada. O perdón a un mesmo vólvese  perdón universal. O amor a un mesmo vólvese amor por todo, amor total.

EPÍLOGO: con tanto tubo, con tanto túnel, o lóxico sería poñernos en contacto inmediatamente cun fontaneiro eficiente que poida desfacer calquera posible colapso, calquera posible atasco residual. Pero xa se sabe o que sucede cos fontaneiros a domicilio, son caros e fanse de rogar; dinche vou tal día e nunca sabes cando aparecerán. Por desgraza non hai plantilla de fontaneiros na seguridade social. Así que, un curso intensivo de fontanería de ciclo medio podería ser de gran utilidade para a desatrancar a rede viaria de tubos de realidade que acabamos de destripar. Ou canto menos, empezar a practicar fontanería preventiva.


2 comentarios:

JAUS dijo...

De memo_ria, hablo, de mem_oria, escribo, sin las manos con los dedos, por qué interviene el cerebro en cosas que no quiero que intervenga..?

indocumentada dijo...

porque para que tal prodixio sucedese terías que facer unha extirpación de tal órgano, e nese caso non poderías facer absolutamente nada, nin cerebrada nin descerebradamente, agora, eso si, poderías celebralo o resto da vida porque nin te enteirarías.
Ala, que fas unhas preguntas...tela!
Amor cortés para Jaus.