27 ago 2011

CINEMA novo no BARRIO vello


SILENCIO DE AMOR

LINGUA: francés-italiano. Subtítulos en castelán.
DIRECTOR: Phillip Claudel

Música máxica: TARANTELLA, ritmo popular para curar o mal de amores. Orixinaria do norte de Italia, pode ir acompañada de gaita. Báilase cos brazos en alto facendo punteados cos pés e dando voltas planetarias en torno a un mesmo. Acompáñase con berros de ánimo que invitan á vida e á acción.

Diálogos vivaces en francés e italiano con momentos de furia e cólera. A tenrura exprésase simplemente co silencio.

Un personaxe co-protagonista de perfil quixotesco: o irmán do protagonista, de mediana idade e actitudes un tanto infantilonas. Négase a saír da casa mentres Berlusconi non deixe o poder en Italia. Cando o capo da mafia sae electo como presidente da republica, o noso home decide autoexiliarse a Alsacia e alí vive confinado na casa do seu irmán viúvo e cunha filla de 15 anos, organizando a súa resistencia persoal e ocupándose da intendencia da casa. E adestrando como é debido á súa sobriña na arte da resposta persoal á abominación exterior.

Unha escena memorable: as pantasmas retirándose xenerosamente para dar cabida ao amor (de novo) e á continuidade da vida.

A peza musical que pon punto final ao filme alude ao título: Silencio de amor, unha vella cantiga popular siciliana en que o namorado fala do amor incesante pola amada comparándoo co amor dunha nai polo fillo  alimentado miga a miga ata facelo inextinguible. Cántase a capela nunha vella igrexa. Entre o público aparece milagrosamente o irmán do protagonista que decide abandonar por unha vez as barricadas. A voz que canta cunha delicadeza exquisita é a do protagonista que comprende por fin que aos mortos hai que deixalos ir.





No hay comentarios.: