Deja vu
viaxaba por camiños de ferro ,
en vagos vagóns marróns
de trens non precisamente cheos de castañas
camiñaba envolta nunha saia pétala
algas nos cabelos
ollada trasatlántica.
Non podía ser ningún lugar agás Montevideo
nunca visitada
ela debruzada na tarde
como un debuxo a rotulador vermello por fin asumido
correctora incansable
corredora verde lóstrego arnal aínda non vencida
Janis universal
Joplin chea de sol e de mapoulas
disque subsistes nun recuncho sen mapas
seica dicías verba,
verba verdello no cemiterio de Bonaval
por onde sempre entraron os peregrinos
bocoi de viño & polbo rústico
maresía
perda
avións
e sempre os camiños de ferro
como cando cecais soñabas de novo verbas verdes longas coma ragas,
India permanente,
isto é moito mellor que Erick Sati e máis eu xuntos tomando menta con Simbad nun recuncho do mundo que por estar disque está na mesmísima euroescoria
máxica e tráxica.
Que veña o día.
Que chegue o día en que te queira
coma a tixola ama o lume na caverna
como o fento ama a pedra que o transformou en ecuación.
A vida sempre insiste
porque existe
independentemente
irreal.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario