1
tanto me ten se triúnfa
ou non a revolución
teño posta a miña tenda
no centro do corazón
2
atrincheirada na vida
disparo co meu canón
balas de amor dirixidas
ao centro dunha emoción
3
os meus labios son de uranio
a lingua de enxofre eterno
fago gaivotas de estano
nos teus lamentos de neno
4
dádeme un dicionario
como único arsenal
dareivos un areal
para rezar un rosario
sen principio e sen final
5
non teño máis obxectivos
que cultivar a paixón
que envolve como unha brasa
o meu núcleo xa en fisión
6
disque vén un terremoto
aproximándose a terra
o epicentro son eu
rompendo as miñas cadeas
7
coidando que te quería
entregueime ata morrer
agora que non te quero
a vida recuperei
8
son un ciclón de alegría
non me podo reprimir
sinto ben que a túa vida
non a queiras compartir
9
xuño é o mes das promesas
o verán está nacido
non permitirei que sexas
un calendario cocido
10
seguide pintando a mona
todo o tempo que queirades
o meu barco a toda vela
vai sulcando claridades
11
se non queredes oír
poñede un tapón no oído
o voo dos colibrís
nunca estará arrepentido
12
coas vosas terraciñas
e con cunquiñas de té
podedes facer cousiñas
sen saber moi ben o que
13
ai, que rica está a cervexa!
xa non me teño de pé
a ver que guapo di algo
que o poño do revés
14
eu bailo por bulerías
e tamén por rocanrol
bailo polo que sexa
mesmo baixo dun farol
15
creo sentir un ladrido
hai graves interferencias
se me queres dicir algo
non me deas conferencias
16
sé breve claro e directo
porque tendo a perderme
non me veñas con sermóns
mira que te volvo verde
17
alá ti coa túa usura
ben sei que non tes perdón
vou facer a manicura
que será moito mellor
18
camarero! unha de mero!
e outra de camaróns
e unha botelliña tinta
que me fai moita ilusión
19
para que non me soportes
fun ata o consulado
e alí deilles recado
de dárenche o pasaporte
20
isto non che ten remedio
nin tampouco explicación
mira que sempre me digo
olliño co corazón!
21
mira se saiu valente
a planta da marihuana
que en menos dunha semana
vale máis que moita xente
22
e arrimada á ventá
semella unha illa durminte
entregada en corpo e alma
ao seu existir sorrinte
23
estanme saíndo lunares
redondos de seda negra
por debaixo dos encaixes
que me deu Lolo da Creba
24
mira se son inconsciente
que me esquecín de durmir
agora sei que é un demente
quen non se atreve a vivir
25
estrando de louca brisa
os recunchos da mañá
fun caer morta de risa
enriba da miña irmá
26
agora xa todo encaixa
non falta ningunha peza
tirei a que me sobraba
e acabou o problema
27
ala! a tomar polo saco
e tamén por tuberías
deste autobús non me apeo
nin que toque a lotería
retrouso:
adeus, bandeira de gloria
adeus, batalla perdida
o mar é a miña euforia
única historia asumida
os neghros somos así |
No hay comentarios.:
Publicar un comentario